Os concellos din que "só coa policía local" é difícil controlar as zonas de 'botellón'
Dende a medianoite do vernes ao sábado, as zonas de 'botellón' quedarán precintadas ás noites para evitar contaxios. Os concellos terán que pechar praias, parques ou prazas dende as doce da noite ás seis da mañá. Temen non dar feito só cos recursos propios. "É moi importante que teñamos unha coordinación e colaboración de todas as forzas de seguridade" di Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp. "Só coa Policía Local é moi difícil controlar todo o que se está pedindo", engade.
Preocupan os contaxios entre os xóvenes, así que as medidas antibotellón vense ben na rúa. Tamén teñen claro que non hai mellor control que a responsabilidade. "Hai que controlar un pouquiño, polo menos ata estar vacinados" di un veciño de Ourense. En Vilagarcía, outro pide paciencia: "agora que esperen un pouco, que aguanten, que é mellor esperar que non poder desfrutar".