Paralizan a orde de desafiuzamento dun inmoble ocupado na Coruña
Na Coruña, a comisión xudicial decidiu paralizar a orde de desafiuzamento dun inmoble prevista para esta mañá. O avogado dun dos ocupantes ilegais cre que foi por mor do escrito que presentou o venres pasado no xulgado para que se respectaran os seus dereitos. Explica que teñen que darlle un prazo de dez días para presentar as alegacións e se o xulgado ordena un novo lanzamento, terá que condecerlles outro prazo dun mes para que poidan abandonalo de xeito voluntario.
Contra as nove e media da mañá a comisión xudicial, acompañada dun cerralleiro, chegaba a este inmoble da rúa A Paz para executar a orde de desafiuzamento fixada para esta mañá. Petaron e ao non contestarlles ninguén intentaron, sen éxito, abrir a porta. Ao pouco, un dos ocupantes ilegais saíu pola ventá para explicarlles por que non abandonaban o inmoble como quedaran hai tres días.
"Din a miña palabra, pero vós actuastes con aleivosía e premeditación. Sabedes que desde hai tres anos, hai xente vivindo aquí e non está reflectido nos informes para poder facer un desaloxo ilegal. Nós temos toda a disposición para marchar. O único que pedimos é un prazo lóxico. O que non nos parece é que nos deades tres días para sacar as cousas e buscar onde vivir".
Malia que nun principio a comisión xudicial estaba disposta a chamar a policía para levar a cabo o lanzamento, o avogado dos ocupantes ilegais logrou paralizar a orde de desafiuzamento.
Antonio Vázquez, avogado dun dos ocupantes ilegais: "Imaxino que será porque eu presentei, xa o venres, un escrito no xulgado para que se respectasen os dereitos dos meus clientes. Por lei ten que respectar un prazo de dez días. Depois o xulgado 7 terá que decidir e en caso de que acordase un novo lanzamento terá que conceder un prazo para que os que viven aquí poidan desaloxalo voluntariamente. Só unha vez esgotado ese prazo poderá producirse un desaloxo pola forza".
Por outra banda, os servizos sociais xa se fixeron cargo da menor que o xoves pasado estaba no interior deste inmoble cando chegou aquí a comisión xudicial e pola que se freou, nese momento, esa orde de desafiuzamento.