CRTVG

Buscar

Paralización na Mariña para defender o futuro de Alcoa

Publicado o 30/06/2020 11:02
Paralización na Mariña para defender o futuro de Alcoa

Os concellos de Xove, Cervo e Viveiro anunciaron que mañá, mércores, pecharán para apoiar a folga convocada polos traballadores da planta de Alcoa San Cibrao, dentro das mobilizacións programadas polo comité de empresa en defensa dos postos de traballo da fábrica. Só quedarán os servizos mínimos. Así mesmo, outros concellos da comarca anunciaron que realizarán actos de adhesión ás formulacións do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

No caso de Viveiro, ademais de secundar a folga, fretarase un autobús para posibilitar o desprazamento dos veciños do municipio á concentración que se celebrará este mércores, diante da sede da Xunta.

Diversos establecementos comerciais da Mariña sumaranse á xornada de folga, en solidariedade cos traballadores da fábrica.

Segundo explicou o presidente do comité de empresa, José Antonio  Zan, os sindicatos convocaron a folga na propia planta e nas empresas auxiliares, pero a "patronal da Mariña está a promover un paro en toda a comarca". "Agora só falta que os políticos se poñan de acordo entre eles e nos dean unha solución", engadiu.

O xoves está prevista unha reunión entre o comité e os representantes da multinacional, un encontro do que se espera "pouco", porque se entende que a empresa "seguirá funcionando como ata o de agora", disposta a executar o seu plan ata o final, segundo apunta o presidente do comité de empresa. Insiste en que as administracións públicas teñen que "obrigar a Alcoa a vender e poñer en marcha un marco enerxético estable", que permita manter tanto a produción de aluminio primario como os postos de traballo na Mariña.