CRTVG

Buscar

Hai que cumprir as normas se queremos que o San Xoán sexa unha festa, lembran desde Protección Civil

Publicado o 17/06/2019 12:30

Achégase xa o San Xoán, e a cacharela ou fogueira é o centro da celebración, pero tamén un foco de lume que entraña riscos. Para que a festa acabe felizmente cómpre que os participantes, e especialmente quen a organiza, teñan en conta unhas medidas de seguridade que agora lembramos.

A noite de San Xoán vai vencellada ao lume, pero isto non significa que calquera pode prender unha fogueira onde e como lle pareza. O camiño na procura dunha festa sen sobresaltos empeza no Concello, onde outorgan o permiso correspondente coas condicións que debe cumprir.

Miguel Ángel Couto, xefe da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cuntis: "A fogueira non pode pasar dos dous metros de alta e os catro de ancha. Ten que estar rodeada dunha franxa limpa, manter unha distancia de seguridade das casas, vehículos e outros elementos combustibles. Hai que ter bidóns con auga ou extintores ou mangueira conectada a unha billa, dependendo da magnitude da fogueira, por se hai algún problema e poder apagala".

Chegado o momento de prendela, pode suceder que, ante determinadas circunstancias atmosféricas, non se deba poñerlle lume.

Miguel Ángel Couto, xefe da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cuntis: "Se vai vento ou a fogueira está en zonas elevadas e hai moito vento, o Concello xa o advirte ao conceder o permiso, pode mandar os servizos municipais e prohibila se fai moito vento ou se o índice de risco de incendio forestal é moi alto, tamén".

Outro momento que require de sentidiño por parte de todos os participantes é cando chegan os saltos sobre as brasas. A sobriedade é clave para non saír queimado.

Miguel Ángel Couto, xefe da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cuntis: "Deberían ter unha pequena caixa de medicamentos ao lado. Despois ao mesturar festa e bebida, a xente debe mirar quen vaia saltar, por se non se percibe ben o ancho e o alto da cacharela, e, sobre todo, cando acabemos a festa e haxa que coller o coche e facer un desprazamento seguro sen risco de accidentes nin de multas".

Quen organizan fogueiras abertas e ás que concorre moita xente deben contratar un seguro de responsabilidade civil para afrontar posibles riscos persoais ou materiais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019