Para a fin de semana, unha nova fronte deixará precipitacións por toda a comunidade
Para os vindeiros días, en Galicia teremos que despedirnos do tempo seco e botar man do paraugas. Hoxe, venres, instalouse aire frío en altura, polo que están comezando a producirse cambios atmosféricos na comunidade que marcarán o tempo de cara á fin de semana.
En canto ás temperaturas, as máximas non experimentarán grandes cambios, xirarán arredor dos quince graos en toda a comunidade, mentres que as mínimas subirán dende o domingo. O vento soprará frouxo do suroeste e intensificarase tamén durante o domingo. Un sistema frontal irá entrando pola costa, deixando algunhas chuvias nestas comarcas que se irán desprazando cara ao interior.
E a partir do luns, a chuvia será moito máis abundante debido a un sistema frontal máis activo que entrará polo Atlántico e que deixará precipitacións por toda Galicia que poderán supoñer a activación dalgún aviso.