CRTVG

Buscar

Pasa a disposición xudicial o home que gravaba mozas polas rúas de Santiago

Publicado o 12/10/2018 14:13

Pasou a disposición xudicial o home detido por gravar nenas pola rúa e subir despois eses contidos a unha páxina porno. 

O sospeitoso, de 34 anos, chegaba minutos antes das dez da mañá neste coche da Policía Nacional aos xulgados da Coruña para prestar declaración perante a xuíza do Xulgado de Instrución de Garda da Coruña. Investígano por, supostamente, gravar polas rúas de Santiago e sen o seu consentemento, rapazas, algunhas delas menores de idade, vestidas con pantalóns axustados ou curtos e tamén con saias enfocándolles o traseiro. Unhas imaxes que, presuntamente, subiu a unha páxina de Internet de contido sexual explícito, circulando libremente pola web.

Tras as 17 denuncias que hai ata o momento, os axentes comezaron unha investigación para tratar de identificar e localizar o autor dos vídeos. Finalmente, deron co agora sospeitoso, ao que prenderon na noite deste mércores cando entraba no seu domicilio da Coruña. Despois, co fin de esclarecer os feitos, os investigadores realizaron dúas entradas e rexistros en domicilios, un en Santiago, de onde é natural, e outro na cidade herculina onde interviron gran cantidade de material informático como discos duros externos, tarxetas de memoria, un ordenador portátil e un teléfono móbil co que, supostamente, realizaba as gravacións. Un material co que traballarán técnicos da Policía Nacional.

Agora, unha vez rematado seu interrogatorio, a xuíza que instrúe o caso podería imputarlle un delito contra a intimidade e o dereito á propia imaxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2018