CRTVG

Buscar

Pánico nun avión de British Airways con destino Valencia ao incendiárselle un motor

Publicado o 06/08/2019 13:15

Vaia susto levaron os 175 pasaxeiros dun avión de British Airways que facía o voo Londres-Valencia. O avión aterrou no aeroporto de Manises tras incendiarse un motor e coa cabina chea de fume. Dezanove pasaxeiros quedaron feridos leves e tres tiveron que ser trasladados a un hospital, intoxicados polo fume.

Esta foi a cara que lle quedou a un dos pasaxeiros. Foron momentos de medo e pánico os que se viviron dentro do avión de British Airways. Cando sobrevoaban Barcelona en dirección a Valencia, os pilotos detectaron lume nun dos motores. O fume non tardou en chegar á cabina.

Quedaba pouco para aterrar en Valencia. Pero foron momentos de nervios porque en cuestión de segundos o fume fíxose moi denso, segundo dicía unha das pasaxeiras. Xa en terra, desaloxaron a nave polas ramplas inchables de evacuación.

Este pasaxeiro saíu incumprindo unha das principais normas de seguridade. Non se pode recoller a equipaxe. Xa no aeroporto, apenas recibiron información. Pasaron tres horas ata que souberon oficialmente o que sucedera. Lume nun motor, fume a bordo, moito medo pero poden contalo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019