CRTVG

Buscar

Pancho Casal (En Marea): "Galicia non está pensando nas eleccións, pero necesitamos un Goberno para a reconstrución"

Publicado o 19/05/2020 10:49

As eleccións galegas serán o 12 de xullo. Segundo o presidente da Xunta, que anunciou onte esa data, o seu criterio para convocalas baseouse en informes xurídicos e sanitarios. Na oposición hai opinións que van desde que non é momento axeitado ata os que preferirían o seguinte domingo ao proposto, o 19 de xullo. E esa é a opinión de En Marea.

Pancho Casal, voceiro da formación, comenta que "nós fomos á reunión coa nosa proposta. Cremos que o papel da oposición non é dicir 'non' a todo o que diga o Goberno. Normalmente dicimos 'non' porque non coincidimos coa inmensa maioría das súas posturas. Nós fomos coa nosa propia proposta. Os epidemiólogos aos que lles consultamos dixéronnos que era a mellor opción".

"É verdade que Galicia non está pensando nas eleccións, pero Galicia necesita un Goberno para a reconstrución e de todas as posibilidades esta é a mellor. Se falásemos de garantías sanitarias absolutas, as eleccións terían lugar a finais de 2021 cando toda a poboación estea vacinada, pero iso é insostible porque quedariamos sen Goberno".

A proposta de En Marea era o 19 de xullo. Casal reflexiona: "Parece que o estado de alarma se vai prolongar ata finais de xuño, a idea era deixar uns días de marxe para que toda a campaña electoral puidese celebrarse fóra do estado de alarma".

Noticias web

19/05/2020