CRTVG

Buscar

Máis que pan, sabores diferentes e innovadores que veñen da tradición

Publicado o 27/02/2020 16:35

"É o pan especial do circuíto de autores, ten centeo, trigo con figos e queixo manchego", informa a dependenta da panadería a un cliente.

Cada día sabores diferentes para darlle sentido a unha nova forma de comer pan. Aquí hai tradición e innovación e o resultado é un pan dunha altísima calidade, de evocadores sabores pero sen perder a esencia do auténtico.

"Pode ser dende pans con diferentes procesos, con diferentes fariñas e con diferentes  cousas, por así dicilo. Un pan que leve anacos de queixo, ou algún tipo de semente ou un pan con chocolate e laranxa, que o cliente cada vez que chegue a panadería teña un produto distinto que non sexa sempre comprar a típica barra de pan de todos os días", conta Guillermo Moscoso, panadeiro de Pan de Moa.

Longas e sobre todo lentas fermentacións, aí radica o segredo dun pan rico e saudable.

"Utilizar polo menos cinco ou seis horas de fermentación na que os almidóns estean totalmente degradados e que ese pan vai a ser moito máis dixestivo para quen o come. Iso é o importante da panificación, realmente. Despois é engadir diferentes produtos para diferentes contrastes, diferentes sabores", afirma Guillermo Moscoso.

Ademais do pan de sempre fan máis de 50 variedades especiais. Algúns teñen mellor acollida que outros.

"Non me imaxinaba que me podían meter queixo manchego, e con figos e centeo é unha mestura interesante ademais", fala un cliente.

"Causaran moita sensación cando arrincáramos coas artesanais do xeito que as enchemos de sardiñas e de chourizos, e un pan con algas, con millo en con centeo, con fariñas cen por cento galegas, moídas en pedra cun escaldado igual que se facía o pan de millo, e despois lle demos unha volta máis e facemos como uns bolliños preñados recheos de sardiñas e outro recheo de chourizo, que tamén se vende solo. Tamén o pan mediterráneo que leva noces, pasas e touciño", conta Guillermo.

A xente demanda poder divertirse na panadería, xogar co descoñecido, sorprenderse con sabores imposibles pero que abren a espita a un cachiño da memoria.

Noticias web

27/02/2020