CRTVG

Buscar

A Revista

Paisaxes galegas decoran unha das liñas de metro en Bos Aires

Publicado o 06/03/2017 13:28

Galicia é a protagonista nunha das liñas máis concorridas do metro de Bos Aires.
Murais de azulexo e placas informativas móstranlle aos porteños fermosas paisaxes do Camiño de Santiago e as zonas monumentais de Compostela e Lugo.

"Saír da casa, coller o metro e atoparse de súpeto coa catedral de Santiago ou diversas paisaxes do Camiño do Norte. Iso é o que poden ver cada día os usuarios da liña C do subterráneo de Bos Aires".

Murais de azulexo e maiólicas adornan as paredes da bautizada como liña dos españois, que constitúe unha pequena homenaxe ás paisaxes e zonas monumentais do noso país.

Creada en 1934 a partir dun bosquexo de Martín Noel e Manuel Escansany, esta composición dedica un episodio especial ao Camiño de Santiago do Norte, ao seu paso por Cantabria, Asturias e Lugo, ata culminar no centro histórico de Compostela.

Toda unha canle de difusión que chama a atención dos viaxeiros á nosa comunidade.

Carolina Elisa Villano, usuaria do metro de Bos Aires: "Marabilloso, realmente paréceme que é unha achega importante porque un está aquí, non ten tempo, e mentres tanto vai adquirindo cultura da nosa terra e doutras. É moi lindo".

Eliana Palma, usuaria do metro de Bos Aires: "Viña como moi estresada da rúa e como para relaxarme púxenme a ler iso e pareceume interesante. Non sabía onde estaba a ruta dos peregrinos, entón  pareceume interesante informarme diso para relaxarme".

Galicia é, polo tanto, protagonista da Estación Moreno de Bos Aires, declarada Monumento Histórico Nacional e que conta con altísimos niveis de ocupación, pois funciona como distribuidora de pasaxeiros cara a outras liñas do metro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

06/03/2017