CRTVG

Buscar

Padrón celebra as súas V Xornadas Gastronómicas da Lamprea

Publicado o 24/03/2019 09:59

Padrón celebra esta fin de semana e a que vén as súas quintas Xornadas Gastronómicas da Lamprea. Nove restaurantes da vila ofrecen menús especiais lampreeiros e, entre outras actividades, é moi popular o obradoiro para aprender a facer empanada con este peixe.

Elaborar empanada non é doado, pero limpar a lamprea aínda o é menos, por iso nas Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón é tan popular este obradoiro. Nunha sala concorrida, xente achegada non só dende a propia vila e os arredores, senón tamén de Boiro, Noia, Negreira e mesmo ata de Cuenca, preto de trinta participantes aprenden dende trucos para que a masa coa fariña de millo quede ben, ata como coller este prehistórico peixe, para evitar que lles escape das mans.

Isaac Tarrío, Xefe de cociña do Grupo Scala: "Xa levamos vendidas unhas cincuenta racións, a verdade é que si, a xente parece que se está animando. Temos o que é a lamprea á bordelesa, que é o máis típico e o que máis se coñece, o "risotto" de lamprea que é un pouquiño máis elaborado cun pouquiño dun toque de queixo San Simón e unha lamprea rechea, que leva panceta, ovo e un pouquiño de pemento".

Nove restaurantes do concello ofrecen, esta fin de semana e a que vén, menús lampreeiros. Por trinta euros pódese probar a lamprea preparada de formas moi diferentes.

Falan os participantes: "Nunca tal cousa fixera e digo 'vou ver como é', para un pouco aprender, porque dis ti 'téñoo aquí de par, pero non sei nin como se limpa, nin como se cociña, nin nada'. A limpeza hai que poñela en auga quente, que non chegue a ferver e ila metendo e raspando nela, coa contra do coitelo, non co fío, coa parte de atrás, e irlle sacando o limo todo que ten".

"Si fixen por vir, porque me gusta moito. O que me dá máis medo sempre aínda é abrila, quitarlle a tripa".

Ademais de poder comela a bo prezo, en Padrón organizan rutas para visitar as pesqueiras onde se capturan estes tan cotizados animais, considerados xa polos romanos como un manxar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/03/2019