Padrón asume o domingo as máis altas limitacións, mentres Galicia desescala
Teñen hoxe en Padrón 41 casos de covid para 8.348 habitantes. Así que a capital do Sar quedará en confinamento municipal por consello do comité clínico. E mentres Galicia desescala, eles asumen restricións. A partir do domingo, reunións só de conviventes, toque de recollida ás 11 da noite e peche total da hostalería.
Os hostaleiros fan referencia aos veciños que supostamente foron orixe do gromo e lamentan que por uns poucos teñan que pagar todos. Concretamente, refírense a un home que, sabendo que tiña covid, non cumpriu corentena e parece que contaxiou ducias de persoas nun local de hostalería de Herbón.
Sénteo tamén en especial a mocidade, que esperaba un alivio coa fin do estado de alarma. E sénteno en toda a contorna, porque Padrón é o centro da actividade socioeconómica da comarca.
Con desánimo difícil de disimular, pero con gran confianza nas vacinas e tamén nos cribados, que seguen esta tarde no centro de saúde, tamén en Padrón saben que para o final da penuria vai quedando menos.