CRTVG

Buscar

Perfílanse os gobernos municipais de cara á toma de posesión do vindeiro sábado

Publicado o 13/06/2019 08:52

• Nacionalistas e socialistas selan hoxe o pacto de goberno en Pontevedra

• A fórmula PSdeG-BNG está a punto de pecharse en Lugo

• En Santiago, A Coruña, Ferrol e Vigo o PSdeG gobernará en solitario

Pérez Jácome: "Creo que podo ser alcalde, pero non está pechado"

Perfílanse os gobernos municipais de cara á toma de posesión do vindeiro sábado. En Pontevedra, BNG e PSOE selan hoxe o pacto de goberno en coalición que fará alcalde a Lores. A cuarta nos últimos vinte anos. A mesma fórmula que están a punto de pechar en Lugo, con alcaldesa socialista. En Santiago, A Coruña e Ferrol, o PSOE gobernará en solitario. E falta Ourense, a única que cando faltan 48 horas para a investidura segue sen alcalde, e con todas as miradas postas en Gonzalo Jácome.

BNG e PSOE selan hoxe o pacto de goberno en coalición no concello de Pontevedra. Á unha deste mediodía, os cabeza de lista destas formacións, Miguel Anxo Fernández Lores e Agustín Fernández, asinan o acordo programático que establece as liñas mestras de actuación ata 2023. Será a cuarta coalición BNG-PSOE desde 1999. O sábado, Lores será investido alcalde por sexto mandato consecutivo.

Os pactos en Ourense seguen no aire. Os socialistas galegos estudan permitir que sexa alcalde o candidato de Democracia Ourensana sendo a terceira forza en votos no Concello.

En Ferrol, o PSOE mantén abertas as portas a un acordo de goberno co BNG e con Ferrol en Común. Coa formación de Jorge Suárez abriu xa negociacións. Sexa cal sexa o resultado, o alcalde en funcións confirma a súa intención de continuar na corporación.  

Noticias web

13/06/2019