CRTVG

Buscar

Paco Zas e o seu Consello de Administración renuncian á presidencia do Deportivo

Publicado o 10/12/2019 10:03

• A renuncia será efectiva o 13 de xaneiro, para que "un novo equipo de goberno tome as decisións deportivas" no mercado de inverno

• Augusto César Lendoiro, disposto a coller o temón do club

O Dépor anuncia unha xunta xeral extraordinaria para a semana do 13 de xaneiro. Nela, o Consello da Administración liderado por Paco Zas anunciará a súa renuncia. Renuncia Paco Zas e o seu consello de Administración. Paco Zas será o presidente que menos tempo estivo no cargo nos últimos 60 anos. Segundo di o comunicado, farán pública a convocatoria para que o novo equipo de goberno tome as decisións deportivas antes de que peche o mercado de inverno.

O Consello de Administración do Deportivo, encabezado polo presidente Paco Zas, anunciou a súa renuncia ao cargo que ostenta desde o 28 de maio e que será efectiva o 13 de xaneiro. Nun comunicado, o club sostén que na reunión do Consello de Administración deste luns acordouse por unanimidade a convocatoria dunha Xunta Xeral Extraordinaria de accionistas que se celebrará a semana do 13 de xaneiro de 2020.

A orde do día da asemblea terá por obxecto, apunta o Deportivo, articular a renuncia do Consello de Administración para propiciar o nomeamento dun novo equipo de goberno. O conxunto coruñés, pechacancelas de LaLiga SmartBank, indica que a convocatoria se publicará coa máxima urxencia posible, de maneira que o novo equipo dispoña do maior prazo para adoptar as decisións deportivas que procedan antes do peche do mercado de inverno.

O Consello de Administración, engade o Deportivo, "solicita a todo o deportivismo que continúe prestando o máximo apoio ao equipo no que resta da presente tempada". Zas e os seus conselleiros fixéronse cargo do club a finais de maio tras a renuncia do anterior presidente, Tino Fernández, que levaba á fronte da institución desde xaneiro de 2014. O propio Tino Fernández foi clave na elección de Zas ao apoialo coas súas accións e coas delegadas ao seu Consello de Administración.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019