CRTVG

Buscar

Paco Ferreira, alcalde de Gondomar: "Temos que estar todos dunha maneira firme ao lado das vítimas"

Publicado o 03/12/2020 08:53

O asasinato de Soledad, en Gondomar, é o terceiro crime machista no país. O home acoitelouna e logo tentou suicidarse cortando as veas sen éxito. Foi un taxista quen alertou do terrible suceso.

Non había denuncias previas nin constancia no departamento de Benestar Social ou da Muller da situación, o que, a ollos do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, "vén mostrar esa violencia silenciada que padecen as vítimas nos seus fogares, que moitas veces nin denuncian elas, nin os seus familiares, nin a veciñanza".

O Concello de Gondomar decretará tres días de loito oficial e fai un chamamento de condena e unidade fronte ao machismo. Todos os eventos culturais planificados suspéndense.

O alcalde, Paco Ferreira, di: "Temos que estar todos dunha maneira firme e inequívoca ao lado das vítimas da violencia machista".

"Sempre, por desgraza, din que primeiro lle quitan a vida á súa dona e despois moitos deles suicídanse ou intentan practicar o suicidio", di Ferreira, ao que engade: "Se empezasen polo final, faríannos un gran favor a todos e, sobre todo, ás mulleres que sofren estes actos violentos".

Noticias web

03/12/2020