Pacientes de diálise peritoneal quéixanse dos problemas para levar no avión o equipamento médico
Os pacientes de diálise viven pegados a unha máquina. Grazas a ela poden facer unha vida máis ou menos normal... aínda que ás veces resulta moi difícil. Miren, por exemplo, este caso: a Federación de Pacientes Renais detectou problemas para que as liñas aéreas deixen subir ao avión os doentes cos equipamentos domésticos de diálise. Hoxe coñecemos un destes casos en Ourense.
Ramón é paciente de diálise por un fallo renal. Dende 2015 fai o tratamento na casa, utilizando un equipo de diálese peritoneal ás noites, e sen maiores limitacións durante o día.
O que pasa é que a vida normal inclúe viaxar en avión, e aí tropezou cos problemas. Tiña billetes para Roma e non o querían embarcar co equipamento de diálise en cabina porque non collía no portaequipaxes. A cicladora é un soporte médico vital, así que non pode facturalo.
Finalmente, conseguiu viaxar coa cicladora, e é que ten todo o dereito a facelo. Así llo confirmou a Axencia Estatal de Seguridade Aérea á federación Alcer, que de tantos casos que lle chegan coma este pediu información a Fomento. Só é preciso un informe médico da necesidade de levar un "equipamento médico crítico" e avisar con antelación a liña aérea.
O obxectivo de Alcer é normalizar estes trámites, e o de Ramón é viaxar a París coa familia en 2020.