CRTVG

Buscar

Pachi Vázquez será xulgado a partir do luns por prevaricación cando era alcalde do Carballiño

Publicado o 17/11/2020 16:50
Pachi Vázquez será xulgado a partir do luns por prevaricación cando era alcalde do Carballiño

O que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez será xulgado a partir do próximo luns, día 23 de novembro, por un delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, municipio que gobernou entre 1995 e 2005. 

Segundo confirmaron fontes xudiciais, o xuízo arrincará ás 10,15 horas no Xulgado do Penal número dous de Ourense. A Fiscalía pídelle unha pena de 10 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada por unha serie de 60 contratos a empregados públicos. Xunto a Pachi Vázquez sentarán no banco outras catro persoas que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu a Vázquez na alcaldía ata 2011. 

No seu escrito con data do 13 de decembro 2019, o Ministerio Público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de acusados un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal".

"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persona puidese acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dúas dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses. 

Sinala, ademais, que todos os contratos foron celebrados a pesar de que os acusados "foron informados" por escrito e de forma verbal "do incumprimento" dos trámites "necesarios" para constatar o "cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos". Na actualidade Pachi Vázquez continúa na política activa e é concelleira no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou tras a súa saída do Partido Socialista de Galicia e coa que obtivo tres edís nas eleccións municipais celebradas en maio de 2019.