CRTVG

Buscar

Pablo Iglesias: "Malia todo, Íñigo non é un traidor, debe ser un aliado de Podemos"

Publicado o 30/01/2019 21:53

O Consello Cidadán de Podemos que busca unha saída á crise derivada da candidatura de Errejón por Más Madrid reúnese a porta pechada. Comezou marcada por unha mensaxe previa de Pablo Iglesias en Facebook asegurando que a pesar de todo Errejón non é un traidor é debe ser aliado de Podemos. Pero advertindo que a autodisolución da formación morada non a decide el, senón as bases.

"O que diga o secretario xeral sempre hai que telo en conta pero o debate ímolo ter hoxe aquí nos órganos que é onde toca. Creo que facer declaracións nos medios non nos axuda demasiado", di o secretario xeral de Podemos en Castela-A Mancha.

Pablo Iglesias non acudiu pero interveu mediante videoconferencia. Tampouco estivo Errejón.

"A Íñigo vetárono e entendeu que se el ía ser un atranco para chegar a acordos que non pasa nada, que aquí o que importa é mirar cara a fóra e convencer a xente para desaloxar o Partido Popular. En maio Más Madrid ou máis Gürtell", dixo o errejonista Jorge Moruno.

Parte dos baróns territoriais apostan por negociar con Errejón para evitar a fractura de Podemos. Os afíns a Pablo Iglesias prefiren facer primeiro unha candidatura con outras forzas e negociar despois con Más Madrid.

"Creo que imos poder traballar por unha candidatura de unidade", afirmou Ione Belarra.

O Consello Cidadán de Podemos ten que decidir se apostan por unha candidatura de confluencia coa plataforma de Errejón e Carmena nas autonómicas, ou se concorren por separado. Sobre o seu apoio á alcaldesa de Madrid nas municipais Pablo Iglesias dixo que Carmena xa non é o que foi pero segue sendo o máis útil para impedir que a dereita volva ao concello da capital.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2019