CRTVG

Buscar

Pablo Iglesias: "Gustaríanos ter un resultado mellor, pero é suficiente"

Publicado o 29/04/2019 20:50

Unidas Podemos mellorou os resultados que lle outorgaban as enquisas, pero non puido evitar a baixada. Obtivo 42 escanos, 29 menos ca en 2016, perdendo 1,3 millóns de votos. Iglesias considera que os resultados son suficientes.

"Claro que nos gustaría un resultado mellor, pero é suficiente, somos unha forza imprescindible para formar goberno de esquerdas", dixo Pablo Iglesias.

Os seus 42 deputados veñen da suma de Podemos, Izquierda Unida, Equo e En Comú Podem. Aínda así, para formar coalición co PSOE precisarán o apoio doutros grupos parlamentarios. Iglesias avanzou que xa mantivo o primeiro contacto con Pedro Sánchez.

"Transmitinlle o mesmo que lles digo a vostedes, a nosa vontade de traballar para un goberno de coalición de esquerdas e traballar e reunirnos con brevidade...", dixo Pablo Iglesias.

Na análise dos resultados, ademais de facer autocrítica pola imaxe que deu o partido da súa situación interna, o líder da formación morada esbozou as que cre que son as claves destes comicios: que o bloque progresista supera o que chamou "as tres dereitas de Colón" e que España é unha realidade plurinacional, citando a Euskadi e Cataluña, dúas comunidades en que Unidas Podemos caeu ata a terceira posición.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2019