CRTVG

Buscar

Un Pablo Iglesias autocrítico presenta as bases dun pacto con Pedro Sánchez

Publicado o 08/06/2019 14:21

A comparecencia de Pablo Iglesias ante os seus estivo marcada pola autocrítica sen paliativos. Sinalou que nas eleccións xerais remontaron con respecto ás enquisas, pero que a cita electoral de maio acabou con decepción.


"Os resultados en europeas, municipais e autonómicas son moi malos e moi decepcionates e chama a atención que se producira este resultado un mes, só un mes despois das eleccións xerais, unhas eleccións xerais nas que non chegamos á baixa, nas que na campaña electoral fomos de abaixo cara a arriba", declarou Iglesias.

O líder de Podemos insistiu na necesidade de estar no próximo goberno de España e dixo que para a investidura de Sánchez proporán unha batería de reformas. Entre elas, subir o salario mínimo a 1.200 euros en catro anos, un imposto á banca para recuperar as axudas que lle deu o Estado, a baixada do IVE en produtos básicos ou a eliminación da reforma laboral de 2012.

Así resumiu a base da súa proposta: "Un elemento clave para nós? Ben, pois asumir que as reformas do mercado de traballo non foron capaces de dar solución a dous problema estruturais do noso país: o desemprego crónico e a precariedade. Polo tanto, hai que rectificar e hai que facer as cousas diferentes asumindo que a condición fundamental para que haxa eficiencia económica é reducir a desigualdade".

Iglesias indicou que a falta de liderados territoriais está detrás da baixada de Podemos nas autonómicas e municipais e non dubidou en cualificar como "excelentes" os resultados de Kichi en Cádiz e de Ada Colau en Barcelona.

Noticias web

08/06/2019