CRTVG

Buscar

Pablo Graña, campión do mundo do C2 200

Publicado o 23/08/2019 21:53

• O canoísta do Náutico Rodeira pasa a formar parte dun selecto grupo en que están Misioné, Portela, Molanes, Cal e Germade

 Pablo Graña é o sexto campión do mundo da historia do piragüismo galego na modalidade esprint. O canoísta do Náutico Rodeira pasa a formar parte dun selecto grupo en que están Misioné, Portela, Molanes, Cal e Germade.

Só Portela gañou unha medalla de ouro mundial con 20 anos, a idade de Pablo.

"Esta medalla de ouro no campionato do mundo sabe a gloooooria despois dun ano forzándome tanto no 1.000 como no 200. Esta última etapa, confiiando mais no 200 e en Alberto Pedrero, conseguimos este ouro que sabe a todo o traballo do ano", dixo Pablo tras acabar a carreira.


Graña e o madrileño Alberto Pedrero avisaran do seu estado de forma nas series. Na final dominaron desde os primeiros metros ás mellores parellas do mundo. O cangués, que a principios de mes se proclamou subcampión do mundo sub23 na proba individual, pecha así unha extraordinaria temporada:

"É un dos mellores anos da miña vida deportiva. Vou tentar confiar nos meus adestradores, nos meus amigos e na miña familia, que sempre confía en min e está aí para todo".

17 anos separan dous paisanos: Pablo Graña e Teresa Portela. A canguesa gañou a súa semifinal de K1 200 e loitará este sábado pola clasificación olímpica e polas medallas, igual que Roi Rodríguez en K1 1000. A canteira do Morrazo deu un finalista máis: David Barreiro no C1 500.