Pablo Costas xa está en Bueu, despois de once meses retido no Iemen
Un Pablo Costas emocionado e moi canso recibiu en Bueu a homenaxe dos familiares e veciños que loitaron pola súa liberación. O patrón do Cobija e os seus compañeiros permaneceron retidos os últimos once meses nun porto de Iemen, acusados por Australia de pesca ilegal.
Costas negou unha vez máis todas as acusacións, e engadiu que eles nunca viron a presunta denuncia. O mariñeiro liberado criticou as autoridades españolas por dárenlles crédito ás acusacións australianas, aínda que agradeceu axudas como a do consulado español no Cairo, desde onde puido volver á súa terra, despois de estar un ano faenando e case outro preso no barco en condicións inhumanas.
"Ou loitar ou morrer, por causas xustas. Ensinaron ben os dentes, chantaxeáronnos, quixeron matarnos de fame, de enfermidades; aínda teño que facer unha reclamación ante o médico, non sei nin como veño. Pero o importante é que estou aquí e, xa vos digo, agradecervos a todos", asegura Pablo Costas, patrón do Cobija
Pablo Costas agradeceu a mobilización familiar, veciñal e sindical, que lle permitiu saír do Cobija, un pesqueiro que pasou das mans dun armador ruso ás dun somalí. O veterano patrón asegurou que vai volver ao mar en canto o estado físico llo permita.