CRTVG

Buscar

Pablo Costas asegura que a súa retención no Iemen foi un secuestro organizado por Australia

Publicado o 03/09/2021 21:49

Despois dun pequeno descanso, Pablo Costas compareceu ante a prensa. Dixo que nunca pescara ilegalmente e que o apresamento do seu barco foi un secuestro organizado por Australia coa colaboración do Goberno do Iemen. 

Co corpo canso, pero coa mente lúcida, Pablo Costas explicou o motivo da súa retención no Iemen. Australia quere controlar a pesca no Índico e non consente que ningún barco traballe nesas augas. Por iso, di, organizou o seu secuestro. 

"Os motivos de fondo son un encargo dun traballiño que vén de Australia e como me tocou estar nun país onde a lei e o Estado están desaparecidos, foilles doado", asegura. Costas di que nunca pescaron ilegalmente e que nin sequera houbo un proceso xudicial contra eles: "eu non son ningún delincuente. Eu sempre traballei legalmente e todo o que hai é presunto. Os consulados están pedindo algún tipo de documento, resolución... e non llelo dan, porque non hai".

No medio dese baleiro legal, a tripulación tivo que sobrevivir do que había no barco, porque ninguén os axudaba. "Estabamos desprotexidos. Nin estabamos detidos, nin retidos nin nada. Deixáronnos aí e arránxádevos... No teu propio barco. Que iamos facer se non tiñamos combustible para a electricidade, nin alimentos, nin atención médica. Xa non tiñamos nada. E xa no último treito matábannos de fame. Querían matarnos de fame e de enfermidades", segurou o patrón de Bueu.

Costas critica que as autoridades españolas desen credibilidade ás acusacións contra eles. E di que se o Goberno de España solucionou finalmente a súa situación, foi grazas á presión dos sindicatos, da prensa e de todo o pobo de Bueu.

Noticias web

03/09/2021