CRTVG

Buscar

Casado di que Sánchez bloquea a política española

Publicado o 13/10/2019 15:11

Pablo Casado presentaba hoxe as listas do PP ao Congreso e ao Senado por Madrid, que inclúen a Ana Pastor como número dous á Camara Baixa e a outras dúas ministras da etapa Rajoy: Isabel García Tejerina e Elvira Rodríguez.

Casado centrou o seu discurso na contestación a Pedro Sánchez sinalando que foi el o que bloqueou a política española por interese electoral e que "non pode enganar os españois" agora co "disfrace de desbloqueador".  Así o explicaba Casado: "Pedro Sánchez é sinónimo de bloqueo. Puido pactar con catro opcións distintas para que non houbera unha repetición electoral. Puido chegar a un acordo con maioría absoluta con Ciudadanos, que lle daba 180 escanos. Puido revalidar os acordos autonómicos, municipais e provinciais con Podemos e cos rexionalistas, e mesmo puido revalidar cos seus socios da moción de censura ese goberno Frankstein ao que se refería Rubalcaba hai xa uns anos".

Casado engadiu que "isto agora xa non vai de desbloqueo", senón de quen pode gañarlle a Pedro Sánchez.
Pola súa parte, Ana Pastor salientou a moderación como eixe do discurso do PP para estas eleccións: "Somos, querido presidente Casado, o partido da certeza, da solvencia (importantísimo na vida), da xestión e somos o partido da moderación. Chámame a atención que a min, non sei se cando me queren insultar, chámanme moderada".

Noticias web

13/10/2019