Pablo Casado reafirma o seu liderado en Valencia e apela a unir o voto constitucionalista
Pablo Casado clausurou en Valencia a Convención Nacional do Partido Popular. Fíxoo arroupado por 9.000 persoas. Con esa imaxe, os populares queren trasladar unha mensaxe clara de unidade coa que Xénova di encarar os próximos desafíos electorais.
"Un partido unido como unha piña", esa é a imaxe que proxectou Pablo Casado no discurso de clausura desta convención. O presidente salientou o paso adiante dado polo PP desde o comezo do seu liderado para pasar a converterse no referente aglutinador do centrodereita e na alternativa para volver á Moncloa.
"Eramos a terceira forza de España segundo a media das enquisas e hoxe somos a primeira, aínda que para iso tivemos que facer unha travesía do deserto, primeiro unindo o partido, logo consolidando o noso poder territorial e despois recuperando o liderado do espazo electoral do centrodereita. Os que viñeron para substituírnos foron quedando polo camiño. O PP é moito PP e fixemos o correcto, primeiro ofrecendo unidade e, cando a rexeitaron, facéndoa pola base", dixo.
Unidade dos "constitucionalistas"
Pablo Casado fixo un chamamento a liberais, conservadores e socialdemócratas decepcionados para conformar unha alternativa a Sánchez, de quen dixo: "É o pasado, pero el aínda non o sabe".
"Temos a responsabilidade de conseguir tamén a unidade de todos os constitucionalistas. Queremos que volvan todos os liberais e os conservadores, que confíen en nós os socialdemócratas defraudados polo sanchismo que pacta cos amigos dos asasinos de concelleiros socialistas e cos nacionalistas radicais que lles chaman bestas taradas aos españois. Como se pode votar o PSOE deste señor?", sinalou.
O líder dos populares debullou numerosos aspectos dun contrato social cos españois. Entre as propostas, unha reforma enerxética, tamén a fiscal, coa supresións do imposto de sucesións e patrimonio, unha lei de liberdade lingüística, a substitución da lei de memoria histórica por outra da concordia e a independencia do poder xudicial.
Un dos momentos máis aplaudidos foi cando expresou o compromiso de que Puigdemont compareza ante o Tribunal Supremo.