CRTVG

Buscar

Pablo Arangüena: "Temos que reflexionar, especialmente Unidas Podemos, porque a dereita frega as mans"

Publicado o 26/07/2019 11:20

No Bos días, Pablo Arangüena, vicesecretario xeral do PSdeG, desde Madrid, dixo que despois da fracasada sesión de investidura non se pode saber que vai pasar: "Agora ábrese un proceso de reflexión. Creo que todo o mundo ten facer unha intensa reflexión sobre o que que aconteceu estes días no Congreso e cada quen asumir as súas responsabilidades, especialmente Unidas Podemos".

"Desde a abstención non se vence a dereita", dixo Arangüena. "Hai unha dereita que eu con preocupación vin aplaudir con moita forza. As tres dereitas están gozando co que está pasando. E Unidas Podemos non pode ser partícipe desa estratexia".

O deputado galego das filas socialistas cre que "o Goberno fixo unha oferta xenerosa, resposable, e que, ademais, foi a culminación dun período de negociación que hai que recordar que comezou coa oferta dun goberno de cooperación que é o que funciona en Portugal e Dinamarca. Fixo unha oferta xenerosa e de humillación cero patatero. O que non pode pretender quen ten o 25 por cento da representación parlamentaria é que se lle otorgue máis do 50 por cento da resposabilidade".

Sobre as palabras do presidente en funcións, quen nunha entrevista posterior á votación en que non saíu investido dixo que se abrían novas posibilidades, Pablo Arangüena dixo: "Eu entendo que o presidente nesta situación de bloqueo, por responsabilidade, para evitar unhas eleccións que non quere ninguén, estea aberto a calquera responsabilidade". E sobre a posibilidade de que algún partido da dereita facilite a gobernabilidade recordou que "no ano 2016 o PSOE abstívose a cambio de nada, cun alto custo. En calquera país da nosa contorna europea, Ciudadanos, agora escorado á extrema dereita, facilitaría a formación de goberno". 

En canto á fortaleza de cada un dos partidos para afrontar novas negociacións dixo: "Non vou falar de líderes tocados. Ciudadanos ten unha cadea de dimisións moi siginificada. A súa propia xente está comprobando que ese partido que naceu con vocación reformista se está botando nos brazos da ultradereita. Penso que tamén Unidas Podemos quedou retratado, mal retratado. Pero este proceso debilita a todo o mundo, non fortalece a ninguén".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí