CRTVG

Buscar

Oxford reinicia os ensaios clínicos da vacina experimental contra a covid-19

Publicado o 12/09/2020 20:33

Oxford indica que as probas da vacina regresan despois da pausa que comezou por precaución o día 6. A universidade británica interrompeu as probas o domingo tras detectar unha inflamación sospeitosa na medula espiñal nun voluntario.

Esta posible vacina, considerada unha das máis avanzadas que se desenvolven en todo o mundo, está nas fases finais dos ensaios antes de recibir a autorización dos organismos reguladores para proceder a inmunizar a poboación.

A interrupción dos ensaios clínicos da vacina contra o covid-19 da Universidade de Oxoford, en colaboración coa farmacéutica Astra Zeneca, coñeceuse hai menos dunha semana. Unha das voluntarias do Reino Unido desenvolveu unha mielite transversa, unha inflamación da medula espiñal. Era unha mala noticia, sobre todo para Europa, que acaba de pechar un contrato para mercar 300 millóns de doses. Unha comisión independente analizou o caso e concluíu que as probas poden continuar.

Joan Pons Enfermeiro no Reino Unido e voluntario nos ensaios clínicos de Oxford di que"xa se poderá continuar con todo o camiño que levaba feito a vacina de Oxford, iso a min dáme moita confianza, paréceme normal porque como dixen, que a xente enferme é parte da vida, esta vacina non nos fai inmortais".

En ensaios grandes coma este, están previstas 30.000 vacinacións, é moi probable que alguén enferme e hai que analizar cada caso. No seu comunicado, a Universidade reitera o seu compromiso coa seguridade dos participantes.

Joan Pons, enfermeiro no Reino Unido e voluntario nos ensaios clínicos de Oxford: "Alégrame moitisimo pero tamén me dá confianza ver que a Univeridade de Oxford está poñendo a nosa seguridade por diante desta carreira política de sacar a vacina a calquera custo, desde aquí, as esperanzas seguen".

A experimentación desta posible vacina, considerada unha das máis avanzadas, está nas fases finais dos ensaios antes de recibir autorización para comezar a inmunizar a poboación. En España estaba previsto para decembro, segundo adiantou o presidente do Goberno e o ministro de Sanidade. Os expertos cren que esta pequena interrupción a penas variará o calendario.