CRTVG

Buscar

Outro camión queda atrapado en San Martiño tras seguir o consello do GPS

Publicado o 07/11/2019 14:21

Nos cincocentos metros antes da curva atrapadora de camións de San Martiño, en Boiro, hai dous sinais de tráfico destacados que prohiben o acceso de vehículos de máis de seis metros de longo. Aínda así, hai choferes que seguen as indicacións da aplicación de ruta e acaban atorados aquí. Isidro, veciño deste lugar próximo a Boiro, leva visto uns cantos. O último, este mércores, tivo o camiño atrancado máis de sete horas.

Isidro vive en San Martiño, onda a curva: "É que claro, mentres chegou a grúa e todo e despois aínda houbo máis traballo, porque o camión batía no teito do cuberto e atrás e non daba pasado. Tiveron que poñerlle unhas táboas do outro lado e acabou pasando, pero con bastante faena".

O camioneiro facía un transporte desde A Pobra cara a Jealsa, situada moi preto de aquí. Esa proximidade fai que por esta pista circulen os coches de persoal da conserveira. Segundo nos conta a veciña Rosa, tamén se ven prexudicados cando a vía queda cortada por incidentes como o de onte: "Desde as dez da mañá ata as seis menos cuarto da tarde. Penso que era un dos camións máis longos que pasaron por aquí. O condutor comentou que naceu na Coruña e que agora vivía en Ponferrada. Eu pregunteille, pero non viu os sinais enriba?. Díxome que si, pero e que o GPS mandoume seguir. Así levamos de cincuenta casos ou máis. Tre ou catro, polo menos, no último ano".

O de San Martiño, en Boiro, é proba repetida de que hai veces en que o camiño máis curto que marca a aplicación de ruta do teléfono intelixente -que non distingue tamaño de vehículos- pode converterse no máis longo e no máis custoso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2019