Zigzag Diario
Outras noticias da cultura
Presentouse ne Santiago a tradución ao galego de 'O castelán de Coucy e a dama de Fayel', unha novela medieval francesa, escrita en picardo, a finais do século XIII ou comezos do XIV.
Trátase dun texto narrativo que tivo un enorme prestixio na literatura medieval , xa que recolle e amplifica unha das lendas que máis éxito tiveron na Idade Media, cun tráxico final, en que a dama come o corazón do seu amante, o cal converte a esta parella nunha das máis infortunadas da literatura europea. Unha historia recollida en moitas obras posteriores.
O Liceo de Ourense acolleu a presentación do libro 'Os cantos do mar', un mosaico de anacos de tempos moi remotos de Dorothé Schubarth, unha musicóloga suíza. A obra foi orixinalmente escrita en alemán antigo, empregando expresións en desuso. E, posteriormente traducida ao galego pola propia autora coa axuda de Antón Santamarina. O resultado final é un relato que achega os ecos dunha namorada que agarda a carón do mar o seu amor, sen asumir que non vai a chegar.
Tui acollerá do 26 de abril ao 1 de maio a décimo cuarta edición de Play-Doc, o festival internacional de documentais de Tui. A cita é un referente para o audiovisual en todo o mundo e ofrecerá unha ampla programación con sede central no Teatro Municipal.
'Memoria do corpo' é o título do novo libro de Xesús Rábade Paredes, presentado esta semana en Santiago. Segundo palabras do propio autor, trátase dun " tempo de investigación", en que o autor "viaxa dende a lama por corpos e iniciacións eróticas e camiños que nos devolven ao punto de partida".
O Teatro Rosalía de Castro acolleu o espectáculo didáctico 'A ollada nas mans', en que colaborou a Banda Municipal. É unha proposta que percorre parte da obra de Picasso co obxectivo de facilitarlla ás persoas con calquera tipo de diversidade. Un espectáculo que conxuga danza, teatro, música, circo e audiovisuais baseado nun guión de Xoán Carlos Mexuto. Na obra participaron 22 persoas en escena e 45 músicos. tocando en directo.