Un ourive galego fai xoias con pezas de anticuario, de máis de 2.000 anos
A colección Antiques, do xoieiro outés Fernando Gallego acaba de ser galardoada co premio Madrid Joya Designers 2019, un recoñecemento que avala a traxectoria deste ourive, que, para esta colección, empregou pezas de anticuario, algunhas delas con 2.500 anos de antigüidade. En febreiro estará en Ifema.
Na universidade estudou química, pero o amor pola ourivería herdouno do seu pai, xoieiro de profesión, quen lle aprendeu a técnica dun oficio do que Fernando, agora, fixo arte.
Traballa cada peza como algo único, e así, artesanalmente, engasta obxectos milenarios para darlles nova vida, como fixo con esta frecha persa de 2.700 anos de antigüidade ou con estoutro amuleto exipcio.
"Son pezas que normalmente están expostas nunha vitrina ou nun museo, o que facemos é convertelas en pezas que se poden poñer; un amuleto exipcio é bonito pensar que o usou un exipcio hai 2.000 anos e que agora o leva outra persoa".
Ademais deste Premio Nacional de Xoiería, que lle abre as portas a Ifema, Fernando tamén ten os selos de Artesanía de Galicia e Galicia Calidade.
"Son dous selos que non só en Galicia, senón que fóra de Galicia a xente tamén os valora como algo que é de calidade".
E precisamente fóra de Galicia é onde Ferndando está abrindo mercado, a singularidade das súas pezas, sobre todo as que conforman a colección Antiques, abríronlle as portas do mercado amerciano. As redes sociais e a globalización do mercado axudaron moito á proxección internacional do seu traballo.
"É un público moi grande, son 200 millóns de persoas que consomen e gústanlles moito os produtos nosos; en concreto a colección Antiques, fascínalles pensar que unha persoa poida levar unha pulseira cunha moeda romana de 2.000 anos ou un amuleto exipto de 3.000 anos".
Fernando cre que o éxito lle chegou da man do traballo e dunha filosofía que defende as creación únicas.