CRTVG

Buscar

Ourense recupérase da tomenta e as inundacións

Publicado o 14/07/2019 14:21

Despois da tormenta chega a calma e tamén os traballos de reparación. A cidade de Ourense recupera a normalidade tras a forte tromba de auga que caeu onte á tarde. Foron pouco máis de 15 minutos de arroiada e durante máis dunha hora a cidade viviu un auténtico caos. Rúas anegadas, árbores caídas, cortes de luz e coches que quedaron atrapados pola cantidade de auga, no barrio das Lagoas.

Rebentado, así quedou o firme na rotonda de Concepción Arenal, xa está cuberto e o Concello vaino arranxar estes días. Os sumidoiros moi atascados, non foron quen recoller a auga e iso provocou moitos problemas para circular polas principais rúas e estradas da cidade.

Máis 25 litros por metro cadrado acumulados en Ourense desde as dúas da tarde, e case 17 recolléronse en Maceda onde a auga baixaba pola rúa principal como unha riada que inundou baixos de casas e locais comerciais.

Noutros puntos da provincia de Ourense como Trives o o Barco a tormenta tamén descargou con forza, librouse esta vez a comarca de Monterrei, onde aínda están recuperando os danos das chuvias da semana pasada. E agora o tempo con temperaturas por riba dos 30 graos tamén volve á normalidade.


 

Noticias web

14/07/2019