CRTVG

Buscar

Ourense está entre as provincias con menor risco de contaxio de España

Publicado o 07/03/2021 21:22

Galicia rexistra o número de casos activos máis baixo dos últimos seis meses. A tendencia mantense en todas as áreas sanitarias e é especialmente significativa en Ourense, que chegou a preto dos 3.000 contaxiados no pico máximo desta terceira vaga e anda nos 230 este domingo. A redución do ritmo de contaxios sitúaa entre as cinco provincias do Estado con risco baixo de coronavirus, segundo o Ministerio de Sanidade.

"Estamos en baixada continuada, e certo é que a data de hoxe temos a incidencia acumulada a 14 días máis baixa de toda Galicia, con 65 casos por 100.000 habitantes. E isto tamén se traduce nunha diminución e boa situación na presión asistencial. Na área sanitaria hai agora mesmo 25 pacientes hospitalizados en unidades de hospitalización convencional e tan só tres pacientes con diagnóstico de covid−19 activos nas unidades de críticos", di Mar Vázquez, Directora asistencial da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco.

Con todo, os sanitarios convidan a non baixar a garda. Os pacientes hospitalizados con coronavirus descenden a menor ritmo que os contaxios. 

"Podemos ter outra vez non só maior nivel de máis restricións, senón tamén maior presión e ocupación hospitalaria, pero realmente a medida que a vacinacion avance esta situación poderá cambiar, mais de momento, aínda non podemos facelo". afirma Mar Vázquez.

A Organización Mundial da Saúde fixa a taxa de positividade no 5 por cento para dar por controlada a pandemia. Neste momento en Galicia a porcentaxe de infección por PCR realizada está por baixo do 1,5

Dende este luns, A Coruña e Pontevedra abren a mobilidade nas súas áreas sanitarias.

Noticias web

07/03/2021