CRTVG

Buscar

Ourense e Verín énchense de Entroido no Xoves de Comadres

Publicado o 28/02/2019 21:49

Hoxe celébrase o Xoves de Comadres, unha das citas máis multitudinarias do Entroido no concello ourensán de Verín. Realmente aquí levan de festa xa todo o día. Pola mañá o protagonismo foi para os máis pequenos que percorreron as rúas disfrazados, no tradicional desfile infantil. E agora pola noite é a quenda dos maiores, sobre todo as mulleres que son as que mandan, un día como hoxe, Xoves de Comadres.

A festa comeza aquí, nos restaurantes. Durante horas compartirán mesa e troula millerios de mulleres chegadas de toda Galicia e tamén moitos homes, iso si, disfrazados de mulleres. Polas doce da noite a festa trasladase á Casa do Escudo, no barrio de San Lazaro. Don Carnal, escoltado polos cigarróns baixará polo camiño Real a buscar a raíña do Entroido. Xuntos percorrerán en procesión as rúas da vila ata a praza maior onde lle darán a benvida aos días grandes da festa. A troula prolongarase ata ben entrada a mañá. Agora si, xa estamos no Entroido.

Comadres na Coruña

Rexorde na Coruña o Xoves de Comadres, unha tradición perdida hai máis de oitenta anos. As referencias máis antigas que aínda se conservan do Xoves de Comadres coruñés datan de 1834 e 1876, segundo recolleu o historiador Xosé Alfeirán. Anos máis tarde, esta tradición inmortalizouna Emilia Pardo Bazán na Marineda da súa obra La tribuna. A dona Emilia dedícaselle este primeiro Xoves de Comadres do século XXI.

 

 

 






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/02/2019