CRTVG

Buscar

Ourense dobrega a curva e nas outras áreas sanitarias frea o ritmo de crecemento dos contaxios

Publicado o 26/07/2021 20:57

Semella que a provincia de Ourense acadou o pico de contaxios da quinta vaga. Comeza a dobregar a curva e consolida o descenso da incidencia grazas á melloría na capital.

"Os casos da provincia están moi condicionados polo número de casos de Ourense, practicamente o descenso corresponde a casos do concello ourensán", dixo Félix Rubial, xerente da área sanitaria.

E as autoridades advirten de que o proceso de recuperación pode ser lento. "A diferenza do que ocorreu co ascenso, que foi meteórico, foi explosivo, estamos a piques de entrar nun descenso máis paulatino, máis progresivo, onde probablemente haxa comarcas que melloren e outras que aumenten o número de casos activos", di Rubial.

Nas outras seis áreas sanitarias de Galicia a curva da covid segue medrando, pero frea o ritmo de crecemento dos contaxios. Pontevedra-O Salnés é a zona con maior incidencia, máis de 900 casos por cen mil habitantes. Vigo acadou as cifras de Ourense, 700 casos por cen mil habitantes. E rexistra os seus peores datos desde o inicio da pandemia, con máis de 4.000 casos activos.

Xa abandonaron Galicia os 22 peregrinos contaxiados que estiveron illados en albergues do concello do Pino. E a Armada confirmou 13 infectados nas fragatas Cantabria e Almirante Juan de Borbón, que navegan cara á súa base en Ferrol procedentes de Cádiz. Os positivos detectáronse nun cribado de rutina entre a dotación dos buques.

Noticias web

26/07/2021