CRTVG

Buscar

A área sanitaria de Ourense contabiliza 130 casos activos menos ca onte

Publicado o 24/10/2020 14:43

O Carballiño esperta hoxe con 173 casos activos. Dez menos ca onte. Un pequeno respiro para este concello que leva días sumando restricións e novos contaxios.

Preocupa a situación no Carballiño, pero tamén en Verín. Aquí as últimas cifras falan de 80 casos activos, e a hostalería e o Concello acordaron prorrogar o peche de bares e terrazas ata o 31 de outubro. Están confinados perimetralmente, igual que Oímbra e Vilardevós. Unha situación que se estende a boa parte da provincia.

A cidade de Ourense encadea doce días de baixa consecutiva nos casos activos. Pero aínda así hoxe son 364. Por iso aquí seguen as restricións, e igual que noutros hospitais de Galicia levan xa varios días utilizando tests rápidos de antíxenos. Permiten diagnosticar a covid-19 en apenas minutos, coa mesma fiabilidade que as PCR.

Dende o servizo de urxencias do CHUO apuntan que nesta segunda onda da pandemia están a chegar máis casos de persoas entre os 20 e os 60 anos con pneumonías bilaterais importantes que mesmo chegan a precisar o seu ingreso en UCI. Por iso fan un chamamento á responsabilidade, a non baixar a garda e a extremar as medidas de precaución especialmente cos nosos maiores.

Noticias web

24/10/2020