CRTVG

Buscar

Ourense lidera a campaña de vacinación: unhas 9.000 persoas xa puxeron a primeira dose

Publicado o 12/01/2021 14:20

O éxito desta primeira fase da campaña da vacinación contra a covid-19 na área sanitaria de Ourense non é froito da improvisación. A organización e a preparación dos 11 equipos, 22 profesionais con ampla experiencia, está detrás desta eficacia e xa se subministraron preto do 95 % das doses recibidas.

"Eu creo que o maior éxito é dos profesionais que forman parte do equipo de enfermería e atención primaria, que contamos con xente con experiencia en campañas de vacinación e, sobre todo, con xente moi motivada, que tiña claro que lles daba igual, sábado, domingo, mañá ou tarde, con tal de chegar canto antes a todos os residentes e traballadores", explica Verónica Civeira, coordinadora do equipo de vacinación na área de Ourense.

Percorreron uns 140 centros, e malia que Ourense é a provincia máis dispersa, co 11 % de poboación de Galicia e onde un 25% das persoas viven en residencias, uns 3.500 traballadores e traballadoras e 5.500 usuarios, como Isaura, xa están vacinados.

"O persoal de alí axuda moito a que se leve ben a campaña organizativamente para poder vacinar o máis rápido para chegar a todos pronto, e a verdade é que a collida dos residentes é moi boa", afirma Norberto Camino, enfermeiro especialista de Familiar e Comunitaria. 

Quedan os últimos residentes esta semana. E xa están listos xa para comezar cos sanitarios e tamén coa segunda dose da vacina.

"Temos xa todo preparado, equipos preparados, todo listo, para cando nos digan que hai que empezar, empezar sen ningún problema. A segunda dose, nós esperamos que para a próxima semana. Os 21 días faríanse o martes, que empezamos a vacinar en Ourense, e esperamos a partir de aí comezar en espello coas mesmas rutas a administrar a segunda dose", asegura Verónica Civeira, a coordinadora do equipo de vacinación na área de Ourense.

Ourense lidera a campaña de vacinación en España. E Galicia é, xunto con Melilla e Asturias, onde máis persoas se vacinaron. Puxéronse o 81 % das doses recibidas.

 

Noticias web

12/01/2021