CRTVG

Buscar

Otegi nega que negocie a liberación de etarras a cambio do apoio aos presupostos

Publicado o 21/10/2021 14:38

Arnaldo Otegi matizou nas últimas horas as palabras que pronunciara diante da súa militancia. O coordinador xeral de EH Bildu nega agora que a negociación dos presupostos do Estado estea vencellada á liberación de etarras e cualifica a polémica de "ruído". "Vasme ter que soltar 200 presos ou non che aprobo os orzamentos. Alguén cre de verdade que isto é así? Porque xa aprobamos uns presupostos en Madrid e non ocorreu", declaraba nunha entrevista en Radio Euskadi.

Dende o Goberno insisten, a excarceración de presos nunca estivo sobre a mesa. "Nunca xamais falei en negociación presupostaria de algo, con esta formación política ou con outra, que non sexa estritamente de números", volvía repetir hoxe a ministra de Facenda. Pero aínda así, María Jesús Montero cre que as declaracións do líder de Bildu "non axudan" nas negociacións.

O PP volve pedirlle ao Goberno que rompa conversas con Bildu. Para Pablo Casado, negociar coa esquerda abertzale "é algo inaceptable, tamén para os estándares europeos". O líder da oposición, que participa en Bruxelas nun cumio dos populares europeos, pregúntase "se Macron está negociando cos que xustifican os atentados terroristas de Bataclan para os presupostos franceses?". 

Este xoves, Bildu impediu unha declaración institucional de condena á ETA no Parlamento vasco. O texto precisaba o apoio de todos partidos, pero a esquerda abertzale rexeitou pronunciarse e non puido saír adiante.

Noticias web

21/10/2021