CRTVG

Buscar

Otegi recoñece a dor das vítimas de ETA: "Nunca tivo que producirse"

Publicado o 18/10/2021 16:47

Dous días antes do décimo aniversario da fin da ETA. o líder da esquerda abertzale lamenta por primeira vez o dano ás vítimas da banda terrorista. Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu, dixo: "Sentimos a súa dor e desde este sentimento sincero afirmamos que nunca debeu producirse e que a ninguén pode satisfacer que todo aquilo sucedera nin que se prolongara tanto no tempo".

Otegi engade que se comprometen a mitigar o dano causado, unhas palabras que ao líder do PP vasco lle producen noxo.

Para Carlos Iturgaiz, presidente do PP do País Vasco, "o que fai Otegi é rir na cara das vítimas cando está dicindo que vai mitigar. Que clase de mitigación vai facer aquel que non sabe conxugar o verbo condenar". Vox emprazou a Otegi a que axude a esclarecer os máis de 300 asasinatos etarras sen resolver e Ciudadanos interpreta as súas palabras como un intento de branquear o pacto de Presupostos con Pedro Sánchez.

O lehendakari fala de paso positivo, pero bota en falta unha condena da violencia. "É un paso adiante. Era necesario, é positivo. Non realizaron ningunha valoración sobre a violencia que xerou a dor das vítimas e da sociedade. Tamén iso é necesario", dixo Iñigo Urkullu.

O PSOE e Podemos aplauden o xesto. Para Isa Serra, voceira de Podemos, "é de xustiza e sobre todo de demócratas recoñecer este paso". Patxi López, exlehendakari: "Cando un sabe o que custa dar un paso nese mundo valora positivamente este recoñecemento, que era o que levabamos anos reclamando os demócratas". O exlendakari socialista ve nas palabras de Otegi unha emenda ao papel da esquerda abertzale no pasado.

Noticias web

18/10/2021