CRTVG

Buscar

Óscar Pereiro e Javier Gómez Noya comparten peregrinación para promover o Camiño

Publicado o 23/05/2021 14:50

A peregrinación contaba con dous integrantes de elite, o ciclista galego Óscar Pereiro e o triatleta Javier Gómez Noya. Arrancaban dende Arzúa con rumbo á praza do Obradoiro. Esa era a meta, pero este pelotón tiña hoxe outro obxectivo: promover o Camiño de Santiago. 

"Que mellor xeito de convidar a todo o mundo a que o faga que percorrer en bicicleta un pequeno treito do camiño", asegura Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, que engade que é "un xeito de animar a todo o mundo, nun día magnífico, ademais, e dicirlles que o Camiño está preparado, que durante estes meses se acondicionaron todos os camiños, preparáronse os albergues e deuse  formación a todo o mundo para facer ese camiño seguro".

Os primeiros pasos xa se están dando. O Camiño representa unha opción turística sen masificación e en contacto coa natureza. Unha posibilidade que foi aproveitable mesmo nos períodos de restricións.

Patricia del Rey, que comezou o Camiño no Cebreiro no mes de abril, relata que "ao final, como non se podía viaxar fóra, nin durmir fóra nin comer fóra, levabamos un bocata, parabamos nos merendeiros e a verdade é que o gozamos moitísimo".

O Goberno galego é prudente á hora de pronunciarse sobre as cifras de previsións, pero a expectativa é recibir durante estes vindeiros meses as peregrinacións de orixe nacional e de países como Portugal e Francia. O momento de maior afluencia de peregrinos estranxeiros agárdase para a finais deste ano e sobre todo para o ano 2022.

 

Noticias web

23/05/2021