CRTVG

Buscar

Os xeriátricos galegos non rexistran ningún contaxio entre residentes

Publicado o 02/04/2021 12:32

Nas últimas horas recibiron a alta as once persoas usuarias do centro Coviastec de Silleda que continuaban contaxiadas. Deste xeito, arestora non hai ningún caso de covid-19 entre residentes nos xeriátricos de Galicia.

Dende que comezou o proceso de vacinación de persoas maiores institucionalizadas, o número de infeccións foi diminuíndo ata a aparición, hai unhas semanas, dun gromo na residencia de Silleda. Aquí chegaron a concentrarse corenta positivos.

Arestora, só un dos traballadores do centro continúa coa doenza. Ademais, hai outra persoa contaxiada no xeriátrico de Oleiros pertencente ao cadro de persoal. O empregado de Bellavista Care, en Nigrán, que tiña o virus sae da listaxe oficial tras rematar a súa relación laboral coa residencia.