CRTVG

Buscar

Os xabarís tamén son protagonistas de noticias falsas na Rede

Publicado o 15/04/2020 17:16

O que non para é a difusión de noticias falsas pola Rede, e nos últimos días atopamos vídeos protagonizados por xabarís botados á rúa en pleno día. Supostamente, porcos bravos galegos, pero nada máis lonxe da realidade.

Xabarís en cantidade e a plena luz do día. Algo sorprende. Pero a ninguén lle sorprendería escoitar que isto pasou en Galicia.

Pois houbo nas redes sociais quen se encargou de localizar este episodio na nosa terra. En Ponteareas, concretamente. Parecía verosímil.

Mais entrando en g24noticias atopamos ese mesmo vídeo, pero titulado Isto non é Ponteareas. E empeza cunha rotunda advertencia: "Ollo cos vídeos que andan rulando co estado de alarma!".

Estes xabarís apareceron en varios medios italianos nos últimos días. As moitas especulacións sobre o lugar acabaron por localizalo tamén aquí. Pero semella que ao final os porcos bravos son croatas.

Igual que non son galegos os desta manda que goza da rúa aproveitando a ausencia humana. Houbo nas redes quen compartiu o vídeo asegurando que isto é Oleiros; o 10 de abril pasado, concretamente.

Pero se viaxamos ata febreiro de 2019 descubrimos ese mesmo vídeo nunha publicación de Alemaña. Conta que isto é Brandenburgo. Así que os xabarís nin eran galegos nin aproveitaban confinamento ningún.

Tócanos pensar no tempo perdido entre a falsidade e o desmentido, tempo que deixa a verdade nun limbo.




 

Noticias web

15/04/2020