CRTVG

Buscar

Os xabarís estragaron o campo de fútbol da Sociedade Deportiva Cazás de Xermade

Publicado o 05/12/2017 14:13

Os xabarís estragaron por completo o campo de fútbol dunha parroquia de Xermade. Tal foi a desfeita que o equipo tivo que buscar outro terreo de xogo para poder xogar ata que remate a temporada. Agora buscan como conseguir cartos para arranxar o céspede e pechar o recinto.

Este é o estado que presenta o campo de fútbol da parroquia de Cazás, en Xermade. Os xabarís deixaron o terreo de xogo totalmente impracticable. Ao parecer os animais entran no céspede na procura de toupas, que tamén abundan, e levantan a herba deixando grandes buratos que imposibilitan a práctica deportiva. Nun primeiro momento, a directiva do club decidiu tapar as fochancas con area pero o balón non rodaba ben e aumentaba o risco de que algún xogador se lesionara. O mal estado dos valos de arame que rodean o campo e a presenza de numerosas mandas de xabarís nas fragas lindeiras levaron a esta situación.

Agora a Sociedade Deportiva Cazás vai ter que desprazarse para xogar os seus partidos como local ao campo da parroquia de Momán ata que remate a temporada, xa ben entrada a primavera. Polo momento xa teñen pensado dirixirse ás administracións públicas para pedir achegas económicas coas que poder arranxar tanto o terreo de xogo como os redores do campo. Ademais, solicitan aos clubs punteiros da provincia de Lugo a posibilidade de disputar un encontro benéfico e dedicar a recadación do mesmo a acometer as obras de arranxo. Dende a directiva lembran que o xabaril é un problema, non só para os futbolistas senón, sobre todo, para os gandeiros da zona.

Co cambio de campo, o club perderá os cartos que recadaba na cantina. Ademais, a desfeita chega nun momento en que o resto de instalacións estaba nun estado óptimo. Con todo, a directiva tomou os estragos con filosofía e mesmo adoptaron o xabaril como mascota do equipo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2017