CRTVG

Buscar

Os veciños de Oleiros, cansos da presenza dos xabarís que causan estragos nos parques

Publicado o 15/08/2019 14:09

Xa non é a primeira vez que pasa e os veciños están cansos. Os xabarís volveron a Perillo, na Coruña, e esta madrugada causaron importantes danos no parque de Nirvana.

A pesar da chuvia, os que saíron a pasear a carón do parque Nirvana en Perillo, no concello de Oleiros, quedaron abraiados co estado en que se atopaba o céspede do parque, que quedou totalmente desfeito. De madrugada, un grupo de xabarís causou importantes estragos nesta zona, algo que, aseguran os veciños, non é novo.

"Os xabarís deben estar no monte, o seu sitio, e así nós disfrutamos vendoos. Non deben andar pola cidade onde nos poden facer dano", di un veciño.

"Creo que se deberían por trampas, algo que asuste aos animais, ou senón, permitir facer batidas. Hai unha poboación de xabarís moi alta. O que fan os xabarís é buscar o seu alimento, causando os destrozos que están a causar, dende fai anos entrando a cidade", conta outro veciño.

Non é a primeira vez que se vive unha situación deste tipo no concello de Oleiros e os veciños están cansos de ver estes danos, algo que se converteu en habitual, e non só iso, pois estes porcos bravos tamén acceden as leiras privadas en busca de alimento causando estragos que prexudican os seus particulares.

"Na miña casa fai mes e medio, levantáronme todo e tiven que estar arreglandoo eu mesma", di unha veciña.

"Diante da miña casa encontreinos cantidade de veces. Manadas de cinco ou seis, en fronte da miña casa", asegura outra veciña.

Agora, entre os veciños, o debate atópase entre se se debería ou non organizar batidas para eliminar estes xabarís.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/08/2019