CRTVG

Buscar

Os vulcanólogos aseguran que a erupción da Palma non rematará a curto prazo

Publicado o 06/10/2021 21:47

Os veciños das zonas evacuadas pola erupción do Cumbre Vieja fan cola cada día para entrar a limpar as súas casas. A actividade imparable do volcán obrígaos a unha nova rutina.

Tamén os agricultores se preparan para resistir. A lava estragou boa parte das tubaxes de rega dos plataneiros. Por iso este mércores comezaron a instalar en Puerto Naos as desalgadoras de auga con que van poder manter vivos os cultivos.

Os científicos teñen claro que esta erupción pode ir para moito tempo. Cada día toman mostras da lava e estudan a evolución do volcán e dos movementos sísmicos na illa. E todos os datos conducen á mesma conclusión. "Non monitorizamos nada que indique que se free xa, que está preto o final. Non podemos dicir se é para longo ou para curto. Pero sabemos que a curto prazo non remata", asegura Carmen del Fresno, vulcanóloga.

Os canarios saben por experiencia que, ante esta caste de desastres só queda vixiar moi de preto cada cambio do volcán e adaptarse para evitar males maiores. Ata o momento, a lava cubriu 420 hectáreas.

Témese que nas vindeiras horas o cambio de dirección no vento empeore a calidade do aire en partes máis afastadas da illa. Se a nube de gases chega ao aeroporto, mesmo podería implicar atrasos ou a súa paralización temporal.

 

Noticias web

06/10/2021