CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Os visitantes do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro aprenden sobre cociña prehistórica

Publicado o 30/07/2016 14:52
Os visitantes do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro gozaron, hoxe, dun xantar prehistórico. Pedro Cura, experto en cociña, preparou carne e peixe da mesma forma na que se facía uns dez mil anos.

Coas mans e cun coitelo de pedra, deste xeito se preparaban e se comían os alimentos hai non tanto tempo. No Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro os visitantes viaxaron no tempo, uns dez mil anos ata o Paleolítico, e, coma facían os cazadores e recolectores daquela, partiron noces con pedras, probaron froitos silvestres e aprenderon como se aderezaba a carne de caza coas herbas que había no entorno.

Unha nena visitante explica: "Por exemplo abrían as cousas coas pedras, a carne poñíana nunha especie de fogueira".

Pedro Cura, experto portugués en cociña prehistórica, foi o encargado de preparar o xantar. Coello, cervo, xabarín e tenreira, para os carnívoros, pero tamén peixe, marisco, lentellas e cogomelos. Como agora a cociña de antes tamén levaba o seu tempo.

Pedro Cura: "Será como un rodicio cronolóxico de comidas, porque iniciamos con comidas do Paleolítico e imos avanzando no tempo, pasando polo Mesolítico e rematando co Neolitico. O menú que imos facer é máis ou menos a tradicional carne de caza, como algunhas que xa non existen, que existían na Prehistoria, como o uro ou toro salvaxe que o representamos coa tenreira, por exemplo, e que facemos directamente no lume. Temos tamén peixe que o imos facer dentro de arxila".

Este showcoking para lembrar e aprender sobre a Prehistoria é unha das moitas actividades que se organizan no verán en Campo Lameiro.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí