CRTVG

Buscar

Bruxelas logra un acordo sobre os orzamentos da UE e desbloquea o fondo de recuperación

Publicado o 10/11/2020 16:46

Os países da Unión Europea (UE) e o Parlamento Europeo chegaron este martes a un acordo sobre o marco financeiro plurianual para 2021-2027, un paso imprescindible para poñer en marcha o seu billonario plan de recuperación económica tras a pandemia da covid-19.

"Os negociadores do Consello e do Parlamento Europeo alcanzan un acordo político sobre o orzamento da UE e o paquete de recuperación", anunciou en Twitter un portavoz da presidencia do Consello, que este semestre ocupa Alemaña, tras unha nova rolda de negociacións entre ambas as institucións con mediación da Comisión Europea.

O acordo prevé aumentar o volume do orzamento en 16.000 millóns de euros, ata os 1,09 billóns, segundo indicaron os eurodeputados Jan Olbrycht e José Manuel Fernandes, negociadores do acordo polo PPE. O incremento, reclamado polo Parlamento Europeo, queda por baixo dos 39.000 millóns adicionais que pedían na súa última proposta, pero é superior aos preto de 10.000 millóns que ofrecera o Consello (os países) inicialmente.

Os fondos adicionais destinaranse a programas como o Erasmus, os relacionados con investigación e ciencia, saúde ou investimentos. O acordo inclúe tamén as novas fontes de ingresos propios que se prevén adoptar durante os próximos sete anos para nutrir o orzamento e custear a devolución da débeda que emitirá a Comisión Europea para captar os 750.000 millóns de euros do Fondo de Recuperación pospandemia, así como un calendario para introducilos.

"O acordo aumenta a supervisión por parte do Parlamento do Fondo de Recuperación e no proceso orzamentario anual. Tamén vincula ao Consello a unha folla de roteiro para a introdución de ingresos directos para apoiar ao orzamento da UE agora e no futuro", dixeron os negociadores.

O embaixador alemán ante a UE, Michael Clauss, considerou que se trata dun acordo "equilibrado" entre os intereses dos Estados e a Eurocámara e urxiu a ambas as partes para dar o visto e prace definitivo ao pacto.

"Necesitamos urxentemente que o fondo de recuperación estea en marcha para paliar as extremas consecuencias económicas da pandemia. Espero que todo o mundo entenda a urxencia da situación e axude agora a despexar o camiño para unha rápida implementación do orzamento europeo e o paquete de recuperación. Ninguén necesita máis barreiras e atrasos", dixo.

 

 

Noticias web

10/11/2020