CRTVG

Buscar

Os viños da Ribeira Sacra aumentan as vendas malia a pandemia

Publicado o 01/10/2020 20:44

Máis dun sete por cento subiron as vendas do viño Ribeira Sacra entre agosto de 2019 e o pasado xullo, chegando a comercializar 3.876.000 litros.

Os meses de pandemia fixeron caer as vendas en hostalería, pero puido compensarse a caída mediante a venda en liña e a través de tendas de alimentación e supermercados. Valencia, Madrid, Cataluña e Castela e León foron os principais destinos duns viños que, dende as adegas, cren que xa gozan de suficiente prestixio para adaptarse aos cambios no mercado.

"Potenciouse a venda en liña, que xa levabamos anos traballando. E apostouse pola venda en superficies de alimentación, o que tamén nos axudou".

O turismo, que se disparou este verán na zona, axudou a aumentar o consumo de Ribeira Sacra grazas, en boa medida, ao labor de prescrición que se fai nos locais de hostalería da comarca. Así, as provincias de Lugo e Ourense, volveron concentrar o consumo, con case dous millóns e medio de litros.

"A nosa carta ten máis dun 60% de viños da Ribeira Sacra. E a afluencia de turismo nacional fixo que, sobre todo, se quixera probar e mercar o viño de aquí".

A pandemia global fixo descender levemente as exportacións especialmente cara aos Estados Unidos, país onde baixou a compra de Ribeira Sacra en 13.000 litros.

Noticias web

01/10/2020