CRTVG

Buscar

Os vigueses empezan a volver aos ximnasios

Publicado o 12/06/2020 14:28

Esta semana en Galicia xa puidemos ir aos ximnasios sen cita previa pero respectando as distancias e demais medidas de seguridade. Hoxe abriu as súas portas a cadea de centros con máis socios da cidade de Vigo, que ten nada menos que 18.000 usuarios. E o ambiente era óptimo xa desde primeira hora.

Unha cámara térmica controla a nosa temperatura ao acceder ás instalacións, onde tamén podemos coller a quenda e controlar a acollida. Logo toca desinfectar pés e mans. Un proceso que se repite ao longo do noso percorrido polas instalacións. Nos tres ximnasios fíxose un inxente esforzo por separar as máquinas, os vestiarios e as taquillas, e tamén se investiu en pantallas.

Tamén hai áreas para persoas vulnerables ou maiores e os martes e xoves resérvanse tres horas na zona de auga para eles. Hoxe, primeiro día, Ana Vieira explica ás alumnas de step as novas normas.

As alumnas tamén colaboran na desinfección dos elementos que usaron, e logo a limpeza será reforzada por profesionais. A zona de auga hoxe con menos presenza é a máis segura polo cloro. Hoxe foron moitos os alumnos que acudían ansiosos de novo, botaban de menos as clases presenciais e o ambiente do ximnasio. Aquí séntense seguros.

Malia ser o primeiro día e xornada laborable, semella que moitos decidiron comezar xa coa súa posta a punto.

Noticias web

12/06/2020