CRTVG

Buscar

Os vendedores da feira mensual de Betanzos non montan os postos en protesta pola reorganización

Publicado o 01/07/2020 14:21

Era unha xornada para reencontrarse cos seus clientes. Pero os vendedores da feira mensual de Betanzos decidiron non montar os seus postos. É o seu xeito de protestar pola reorganización dos postos, a causa da covid.

No centro da vila só estaban os postos de alimentación, cuxa presenza é semanal. Os vendedores téxtiles e de calzado insisten en manter a súa situación. "Para nós é importante, explica unha das vendedoras ambulantes, porque hai clientes que están habituados a atoparnos dende hai anos no mesmo sitio".

Din que non se trata dun problema local, senón que se repite noutras feiras galegas. Por iso reclaman un protocolo cos mesmos criterios, que se aplique do mesmo xeito en todos os municipios.

O Concello mantense polo momento firme na súa postura. Di que a reordenación da feira é necesaria para manter a seguridade. E defende que se ampliou a superficie do mercado para non ter que reducir o número de postos.

Para garantir o distanciamento social, establécense corredores de máis de 6 metros entre puntos de venda, un sentido único da marcha, así como 4 entradas e 4 saídas. Tamén será obrigatorio o uso da máscara e os visitantes disporán de xel desinfectante.

 

Noticias web

01/07/2020