CRTVG

Buscar

Os vehículos non poderán superar os 10 km/h nas rúas do centro de Pontevedra

Publicado o 22/10/2019 17:20

O Concello de Pontevedra imporá a velocidade máxima para todo tipo de vehículos, incluídos patíns e bicicletas, a 10 quilómetros por hora, nas denominadas "zonas de convivencia". Trátase de rúas con plataforma única e nas que conviven no mesmo espazo peóns e vehículos.

Anunciouno este martes o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que informou de que está previsto que as sinais se coloquen nesta noite e tamén na do mércores ao xoves na "améndoa central" que circunda o centro histórico. 

O obxectivo desta medida é aumentar a sensación de seguridade que, subliñou o edil, supón "algo fundamental para a autonomía dos nenos", ou para que as persoas con mobilidade comprometida teñan "a sensación de que son espazos seguros".

Ademais da zona vella, esta iniciativa tamén afectará a todas as súas rúas perimetrais: Arcebispo Malvar, praza de España, Michelena, Riestra, Gutiérrez Mellado, praza da Peregrina e o primeiro tramo de Benito Corbal.

Demetrio Gómez explicou que, ao tratarse dunha medida pioneira, teñen que "estudar o seu funcionamento" e, dependendo dos resultados, decidirase se se implanta noutras zonas da cidade con plataforma única, pero que non son espazos tan compactos coma o centro histórico. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí